O CAPM de Vilagarcía formámolo 15 persoas maiores e 6 traballadoras. Xuntos conformamos un bo equipo. Apoiámonos uns aos outros e tentamos facernos a vida máis doada. O noso centro está situado na Lomba, moi preto do estadio de fútbol do Arousa, no baixo dun edificio e identifícase pola súa cor laranxa. É pequeno pero acolledor.

As persoas que convivimos alí somos moi activas na comunidade. Á maioría de nós encántanos a música e cantar, e por iso, demos en chamarnos: OS CANTAREIROS DA LOMBA! Puxémonos nome por se alguén nos escoita ao pasar e lle gustamos, nunca é tarde para triunfar… Somos persoas sinxelas que gozamos dos pequenos praceres da vida… dun café acompañado dunha boa conversa, dun paseo pola praia en boa compaña… Gústanos tamén poñerlle sempre un pouco de humor á vida, como di Celia Cruz, e facendo eco da nosa afección: “As penas vanse cantando e queremos seguir cantando xuntos…!”